A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A Coruña é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.
A cidade érguese sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da zona urbana espállase sobre unha pen...Ler máis
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A Coruña é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.
A cidade érguese sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da zona urbana espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.
Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o medio rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.
A cidade estendeuse a partir da construción na restinga formada entre a illa onde hoxe se asenta a Torre de Hércules e o continente. A parte máis antiga, coñecida popularmente como Cidade Vella, Cidade Alta ou A Cidade, está edificada na parte meridional da península. O Centro era A Pescaría, e nela asentábase o gremio dos mareantes ou pescos.
Asúmese que A Coruña pode ser a poboación que Tolomeo menciona no século II d. C. como Brigantium; estaría habitada polos ártabros. Os romanos asentáranse nela nos séculos II e I a. C. e esta vila comezou a medrar, en particular durante os séculos I e II d. C. (cando se constrúe a Torre de Hércules), para decaer a partir do século IV d. C. e especialmente coas incursións normandas, que parece que fixeron fuxir a poboación cara ao interior da ría do Burgo.
A poboación recibe na alta Idade Media o nome de Faro, nome que non debe confundirse co de Burgo de Faro, que foi a poboación que no século XII chegou a ter certa importancia coa encomenda templaria e que comprende a extensión entre O Burgo e O Temple, cara ao concello de Culleredo.
En 1208, o rei galego Afonso VIII refunda Crunia como porto de reguengo (iuxta Turrim de Faro in loco qui dicitur Crunia) e a vila enceta un gran desenvolvemento mercante e pesqueiro. A cidade medra e esténdese polo tómbolo da península. Trala invasión castelá de 1483, os Reis Católicos instalan nesta cidade a Real Audiencia do Reino de Galicia, abandonando Compostela, para evitar así a intromisión arcebispal. A Coruña será tamén a sede do capitán xeneral. A Xunta do Reino de Galicia consegue entre 1522 e 1529 que Carlos I lle conceda a Casa da Especiaría, o que lle permite distribuír en Europa as especias. O 24 de xullo de 1525 saíu do porto da Coruña a Expedición de García Jofre de Loaísa. Autorízase o comercio coas Indias entre 1529 e 1575.
A partir de 1764, coa instalación dos Reais Correos Marítimos a América, A Coruña adquire o pulo portuario e comercial definitivo. Créanse o Consulado do Mar e restáurase a Torre de Hércules. En 1804 creouse a Fábrica Nacional de Cigarros, berce do movemento obreiro e durante o século XIX fóronse instalando lentamente outras industrias (vidro, fundición, tecidos, gas, mistos etc.), aínda que foi o comercio marítimo e a emigración o que atraeu os investimentos cataláns, maragatos, belgas, franceses ou ingleses. O Banco de La Coruña fundouse en 1857 e a Caja de Ahorros en 1876. Tamén influíu no desenvolvemento económico a nova división provincial de 1832, que reduciu o número de provincias de 7 a 4 e aumentou a actividade burocrática administrativa. Como consecuencia, A Coruña converteuse na capital rexional de facto.
Nesta cidade reuniu Carlos I as Cortes que o coroarían emperador; do seu porto partiu en 1554 Filipe II para casar con María Tudor e en 1588 a Armada Invencible. Francis Drake cercouna en 1589 durante a batalla contra a Armada Inglesa pero foi rexeitado e naceu entón o mito de María Pita cando esta muller colleu a arma do seu home morto e continuou disparando. En 1809, durante a guerra da Independencia española, as tropas francesas acosaron ás inglesas que fuxían e o xeneral inglés Sir John Moore morreu na batalla de Elviña. En 1815, o mariscal Porlier pronunciouse contra Fernando VII e marchou co exército sobre Santiago; preso, foi enforcado no Campo da Leña.[1] En tódolos levantamentos do século XIX, A Coruña aliñouse do lado liberal.A Coruña xogou tamén un papel vital no Rexurdimento e nela fundáronse a Real Academia Galega en 1906 e as Irmandades da Fala en 1916.
A comezos do século XX, A Coruña contaba cuns 45.000 habitantes, que se multiplicaron até os 100.000 despois da guerra civil española. A partir da década de 1960, recobrou a iniciativa empresarial que perdera desde comezos de século da man do gran promotor da cidade, Pedro Barrié de la Maza (Banco Pastor, Fenosa, Aluminios de Galicia, Genosa, Emesa etc.); obtivéronse tamén a refinaría de petróleo e algúns dos primeiros Polos de Desenvolvemento.
Xa na democracia, aprobouse o Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981, co que A Coruña perdeu a capitalidade de Galicia, que mantiña desde 1563,[2] en beneficio de Santiago de Compostela, feito que provocou a manifestación de protesta máis multitudinaria da historia da cidade.[2]
Desde 1983 ata 2006 foi alcalde Francisco Vázquez Vázquez, que acometeu unha renovación da súa fisionomía e a conversión nunha cidade de servizos, pero tamén contou con críticas pola súa falta de respecto á lingua galega e pola súa actuación urbanística. Nesta etapa construíronse o paseo marítimo, a Casa das Ciencias, a Domus ou o Aquarium Finisterrae, entre outros. O 20 de xaneiro de 2006 o Consello de Ministros nomeou a Paco Vázquez embaixador no Vaticano, co cal tivo que deixar o seu posto de alcalde. Despois da súa renuncia o novo alcalde foi Javier Losada.
No ano 2008 celebrouse o 800 aniversario de refundación da Coruña por Afonso IX en 1208 e o 200 aniversario da batalla de Elviña, feito que marcou profundamente a vida dos coruñeses da época.
O 29 de xuño de 2009, a Torre de Hércules, o milenario símbolo da cidade, foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, tras unha intensa campaña de apoio tanto institucional como cidadán.
Revolución liberal de 1820 na Coruña
Engadir un novo comentario