Este artigo trata sobre unha catedral en España, para a catedral en Nicaragua véxase Catedral de León (Nicaragua).

A Catedral de León é un templo de culto católico, sé episcopal da diocese de León, España. Está dedicada a Santa María de Regla.

Iniciada no século XIII, é unha das grandes obras do estilo gótico, influída polo gótico clásico francés. Coñecida co alcume de Pulchra leonina, que significa "a fermosa leonesa". Atópase en pleno Camiño de Santiago..

Historia Construcións anteriores As termas romanas
 
Retrato do século XIX de Ordoño II.

Orixinariamente, baixo a actual localización da catedral, a Legio VII Gemina construíra unhas termas, cun tamaño superior á do actual edificio. Durante a gran restauración do século XIX foron descubertos os seus restos baixo a catedral, e en 1996 exploráronse outros xunto a fachada sur. Nada queda destas primitivas edificacións, agás algúns restos de mosaicos, tegulas e cerámicas, hoxe expostos no Museo. Outros, como os hipocaustos, fican aínda baixo o soar catedralicio.

A primitiva catedral

Durante a reconquista cristiá as antigas termas romanas foron convertidas en palacio real. No ano 916 o rei Ordoño II, que había poucos meses ocupara o trono de León, venceu aos mouros na batalla de San Esteban de Gormaz. Como sinal de agradecemento a Deus pola vitoria, cedeu o seu pazo para construír a primeira catedral. Baixo o episcopado de Fruminio II, é transformado o edificio nun sacro lugar. O templo estaba custodiado e rexido por monxes da orde de San Bieito, e é moi probábel que a súa estrutura fose moi semellante á de tantos outros existentes durante a época mozárabe leonesa. Seguindo a tradición cristiá de soterrar dentro dos templos a quen encarnaban a autoridade "vida de Deus", aquela sinxela catedral viuse logo enriquecida cos restos do rei Ordoño II, rei de Galiza e León, finado en Zamora o ano 924.

Falan as crónicas do paso de Almanzor por estas terras a finais do século X, devastando a cidade e destruíndo os seus templos. No entanto, os danos ocasionados á fábrica da catedral seica foron arranxados inmediatamente, xa que polo ano 999 era coroado nela, nun acontecemento cheo de esplendor, o rei Afonso V. Tras unha sucesión de revoltas políticas e de duras empresas bélicas, contra o 1067 o estado da catedral era de suma pobreza. Isto conmoveu ao rei Fernando I de León, quen, despois de trasladar os restos de Santo Isidoro a León, «envorcouse en favores á mesma». Con este rei iniciouse unha época pacífica, colectando grandes triunfos na expansión do reino cristián. Era o momento do florecemento do románico isidoriano.

A catedral románica

Coa axuda da princesa Urraca de Zamora, irmá do rei, iníciase a construción dunha segunda catedral, acorde cos arelos da cristiandade románica, e dentro do seu estilo arquitectónico. Ocupaba a sé episcopal Paio II. Cando o arquitecto Demetrio de los Ríos, entre os anos 1884 e 1888 escavou o chan da catedral para repor as laxes e cimentar os piares, atopou parte dos muros e fábrica daquela segunda catedral. A través do plano que el mesmo debuxou, podemos apreciar como se configuraba todo dentro da gótica: Era de ladrillo e cachotaría, con tres naves rematadas en ábsidas semicirculares, dedicado o central a santa María, coma na igrexa anterior. Construíuse tamén un claustro no costado norte. Esta nova igrexa tivo unhas dimensións considerábeis, medindo 60 metros de lonxitude e 40 metros de largura máxima. Aínda que toda ela estivese executada dentro das correntes internacionais do románico, contemplando o que sobreviviu da súa estatutaria podemos pescudar que tiña o seu carácter autóctono, utilizándose aínda o arco de ferradura, polo menos como forma decorativa.

Foi consagrada o 10 de novembro de 1073 durante o reinado de Afonso VI de Galiza, León e Castela. É de supoñer que nela traballasen os mesmos canteiros que estaban a construír a Basílica de Santo Isidoro de León.

Esta catedral mantívose en pé até finais do século seguinte. Cando accede ao trono o último rei privativo de León, Afonso IX de León e Galiza, asístese na cidade e no reino de León e Galiza, a un importante cambio social, de creatividade artística e desenvolvemento cultural.

Construción da catedral gótica
 
Interior da catedral de León.

A construción da terceira catedral iníciase contra 1205, mais os problemas construtivos dos alicerces fixeron que logo se paralizasen os traballos, que non proseguiron até 1255, baixo o pontificado do bispo Martín Fernández e o apoio do rei Afonso X o Sabio de Castela, sendo esta nova catedral de estilo enteiramente gótico.

O arquitecto da catedral semella que foi o mestre Henrique, seica natural de Francia, e que xa traballara outrora na catedral de Burgos. É evidente que coñecía a forma arquitectónica gótica da illa de Francia. Faleceu en 1277, sendo substituído polo español Juan Pérez.

En 1289 finaba tamén o bispo Martín Fernández, cando a cabeceira do templo xa estaba aberta ao culto. A estrutura fundamental da catedral logo remata, en 1302, abrindo o bispo Gonzalo Osorio a totalidade da igrexa aos fieis, aínda que no século XIV aínda se terminaría o claustro e a torre norte, e a torre sur non se rematou até a segunda metade do século XV. Esta presteza nos traballos danlle unha grande unidade de estilo arquitectónico.

 
Fachada principal da catedral de León.

A catedral de León, o mesmo cá súa irmá predecesora, a catedral de Burgos, inspírase na planta da catedral de Reims[1] (aínda que de menor superficie), que ben puido coñecer o mestre Henrique. Aínda que autores como Félix Benito Martín afirman que, estruturalmente, ten máis parecido coa de Troyes.[1]

Ao igual que a maioría de catedrais francesas, a de León está construída cun módulo xeométrico baseado no triángulo (ad triangulum), cuxos membros relaciónanse coa raíz cadrada de 3, ao que responden a totalidade das súas partes e do todo. Este aspecto, como a planta, os alzados, e os repertorios decorativos e simbólicos converten esta catedral nun auténtico edificio transpirenaico, afastado da corrente hispánica e pertencente á máis pura escola da Champaña francesa, que lle mereceu os cualificativos d’«a máis francesa das catedrais ibéricas» ou o de Pulchra Leonina, pois se os seus riscos formais ligan co gótico champaniense, os seus significados simbólicos e programa arquitectónico están estreitamente ligados cos da catedral de Saint Denis, a Catedral de Notre-Dame de París e maila catedral de Reims. Xeograficamente tampouco é allea a aquel mundo, pois aínda que ergueita na vella capital dos reis galaico-leoneses, a cidade era un dos fitos máis importantes do Camiño de Santiago, tamén chamado de Camiño Francés.

Ademais da planta, a catedral de León tamén está inspirada na de Reims na estrutura e a forma das capelas do deambulatorio (aquí poligonais) e o desenvolvemento do cruceiro. A influencia da catedral de Chartres pode notarse no pórtico occidental. A de León abandona o modelo da catedral de Reims nos alzados a partir do corpo do triforio, pois aquí é diáfano e acolle os progresos técnicos conseguidos na Sainte Chapelle de París e na catedral de Amiens.

Tamén influencia francesa é o desenvolvemento do presbiterio, coa idea inicial de colocar alí o coro segundo o costume daquela. Individual leonés é a situación do claustro, sen articulación orgánica co templo, a saída da planta das torres da fachada principal, que obriga a amosar o alzado dos arcobotantes da nave central, e maila non continuidade das cinco naves da cabeceira no corpo do templo, que se reducen a tres.

Como risco característico máis importante, goza a catedral leonesa de acadar o summum luminoso de todas as catedrais, cun espazo inmenso de vidreiras ao se reducir a estrutura pétrea de sustentación ao mínimo posíbel, chegando a superar así tecnicamente ás mesmas catedrais francesas.

 
O lado sur da catedral, dende Puerta Obispo.

O problema foi que gran parte do soar aséntase sobre restos romanos, hipocaustos do século II, o que dificultou a boa cimentación dos piares. A acumulación de humidades e a filtración de augas ocasionou serios inconvenientes aos mestres. Por outra banda, a maior parte do perpiaño da catedral é de pedra de mediocre calidade, de tipo calcario, con escasa resistencia ante os axentes atmosféricos. Ademais, a sutileza do seu estilo é un desafío á materia; os numerosos soportes son sumamente febles, as liñas redúcense a unha depuración total, de xeito que varios arquitectos da época puxeron en dúbida que tal proxecto puidese ficar en pé. Esta estrutura case inverosímil xunto coa má calidade da pedra e a pobre cimentación, provocaron que desde o século XV sufrise constantes intervencións e restauracións, convertendo o templo no paradigma europeo de intervencións de transformación, restauración e conservación.

A lenda da toupeira

Sobor da porta de san Xoán, polo interior, pendura o pelello, a modo de quilla, que a tradición leonesa identificou coma unha «toupeira maligna». Segundo conta a lenda, á noite a toupa estragaba todo o construído ao longo do día, nos primeiros momentos da magna obra do templo. Impacientándose os leoneses porque os traballos da prometida catedral non avanzaban, decidiron acabar con aquel ser maligno: algúns deles agardárona toda a noite e rematárona a tundas. En lembranza daquel feito e en agradecemento á Virxe María, titular do templo, a pelica do animal pendurouse no interior da catedral, na lumieira da porta, na fachada oeste.

A realidade que agocha a lenda é que os traballos da catedral de León atopáronse con numerosos problemas de cimentación, sobre un terreo moi inestábel que, xa daquela, acollera moitas e diversas construcións. A isto uníase a hoxe coñecida mediocre calidade da pedra empregada, traída da localidade de Boñar, na montaña leonesa. Pola súa banda, o que hoxe podemos contemplar na penumbra sobre a xa mencionada porta do templo catedralicio demostrou durante os anos 90 ser en realidade unha coiraza de tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea), cuxa orixe aínda é incerta, aínda que se presupón que se trataría da ofrenda realizada por algún home de poder á catedral, inseríndose tal elemento na antiga tradición (clave na constitución de numerosos museos) do coleccionismo de antigüidades e rarezas.

 
Fachada sur da catedral cos seus engadidos barrocos.
 
Aspecto da catedral contra 1850. Pódense apreciar os anteriores pinches oeste e sur e a cúpula barroca cos seus pilastróns.
Época de reformas e problemas construtivos

A extrema fraxilidade do edificio deu problemas moi cedo. No século XV, a construción de torricelas ocas polo mestre Justín na zona sur (a «silla de la reina») e na zona norte («la limona») mellorou as cargas dos arcobotantes cara a cabeceira, mais a feble estrutura seguiu con problemas. Daquela, o mestre Justín rematou a torre sur en estilo gótico flamíxero. Tamén se construíron os remates triangulares dos pinches norte e sur. Nos últimos anos do século XV, lévase tamén a cabo a construción da libraría (actual capela de Santiago) por Juan de Badajoz pai e fillo, en estilo gótico flamíxero. Tamén o coro é obra deste século, así como as pinturas de Nicolás Francés e mais o retablo.

A principios do século XVI, Juan de Badajoz o Mozo construíu o remate do penal en pinche occidental en estilo plateresco, excesivamente pesado e alto. Tamén construíu unha sancristía plateresca para a catedral, no costado sueste, e refixo as bóvedas do claustro. No interior do edificio destacou a construción do trascoro.

No século XVII proseguiron os problemas. O 4 de febreiro de 1631 derrubouse parte da bóveda central do cruceiro.[2] O cabido recorreu a Juan de Naveda, arquitecto de Filipe IV de España, que cubriu o cruceiro cunha gran cúpula, crebando cos contrarrestos do sistema gótico, tan distintos dos do barroco. O excesivo peso provocaría o desprazamento das cargas radiais cara o pinche sur ante a fraqueza dos arcos torais e ao fallaren tamén os alicerces. A lanterna fechouse provisionalmente en 1651, mais a finais do século xa se se advertían algunhas fallas na cúpula que desviaba o seu eixo cara o sur. O crebado pinche sur tivo que ser reedificado por Conde Martínez en 1694, substituíndo o pinche gótico por unha espadana barroca.

Quixo pór remedio a estes desastres Joaquín de Churriguera erguendo catro grandes pináculos arredor da cúpula e sobre os piares do cruceiro, a principios do século XVIII, mais as consecuencias desta intervención serían nefastas. Por León foron desfilando grandes arquitectos, como Giacomo de Pavía, mentres os males seguían agravándose. O Sismo de Lisboa do ano 1755 conmoveu a todo o edificio, afectando de xeito especial aos maineis e ás vidreiras. Abríronse grandes fendas na fachada sur, polo que foi necesario cegar o triforio, desmontar o rosetón, e substituílo por unha fiestra dupla xeminada.

No ano 1830 aumentaron os desprendementos de pedras no pinche do muro penal sur e, para o salvar, Fernando Sánchez Pertejo tivo que reforzar os contrafortes de toda a fachada.

Restauración dos século XIX, XX e XXI
 
Fachada occidental en 1875, anterior á súa restauración e modificación.
 
Reconstrución da fachada occidental contra 1890.

No ano 1844, o mal estado do edificio fixo que o Estado tivese que acudir á súa reparación, data na que a catedral de León foi declarada Monumento Nacional, o primeiro do patrimonio español. En 1849 o xesuíta P. Ibáñez deseñou e colocou un novo rosetón para o pinche sur.

En 1857 comezaron novamente a caer pedras do cruceiro e a nave central. Matías Laviña, nomeado Arquitecto Director das obras de restauración en 1859,[3] descoñecedor do funcionamento do edificio gótico, desmontou a cúpula de media laranxa de Naveda e os catro pináculos que a flanqueaban e proseguiu desmontando o cruceiro e toda a fachada sur.[3] As críticas sobre o derrubamento provocaron a súa morte en 1868.

Seguíronlle Andrés Hernández Callejo, Juan de Madrazo, o mellor restaurador de España e bo coñecedor do gótico francés, e que proxectou o seu admirábel sistema de cimbras das bóvedas altas. A armazón de cimbras foi un complexísima trabazón de carpintaría, que serviu para soster todos as cargas do templo mentres se procedía á reconstrución de toda a fachada sur e do cruceiro desmontados. Ademais, Madrazo modificou notabelmente a disposición das bóvedas, e volveu refacer dende a arcada a fachada sur, inspirándose na norte, incluíndo o perdido rosetón. O novo pinche triangular foi tamén inspirado polo existente na fachada norte. En xeral, planeou todo o templo tal e como o atopamos hoxe en día, conseguindo un gótico puro. En 1878 tiráronse a cimbras e o edificio aturou as cagas.

A Juan de Madrazo sucedeulle no cargo Demetrio de los Ríos en 1880. Purista, como o anterior, continuou dando á catedral o aspecto gótico primitivo, substituíndo o pinche occidental plateresco, que fixeran Juan López de Rojas e Juan de Badajoz o Mozo no século XVI, por un deseño neogótico análogo ao recentemente construído na fachada sur. Juan Bautista Lázaro concluíu os traballos de restauración. En 1895 emprendeu a ardua tarefa de recompor as vidreiras que levaban anos descompostas.

En 1901 a catedral foi reaberta ao culto, co recuperado esplendor do gótico. Pode afirmarse que esta restauración foi unha das máis complexas e arriscadas realizadas en Europa no século XIX.

Os traballos de restauración continuaron levemente no século XX, especialmente nas primeiras décadas. En 1911, Manuel Cárdenas destruiría lamentabelmente a ‘’Puerta del Obispo’’, edificio civil que unía a catedral co Palacio Episcopal. En 1930, Juan Crisóstomo Torbado terminaría a cancela exterior iniciada en 1794, choendo todo o adro. Este arquitecto acometería despois a restauración do claustro.

Nas últimas décadas traballouse no reforzo das estruturas e limpeza, e tamén a restauración e consolidación das vidreiras, usando as máis modernas técnicas.

↑ 1,0 1,1 Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome :2 Losada (2007), p. 324 ↑ 3,0 3,1 Losada (2007), p. 330
Photographies by:
David Jiménez Llanes - CC BY-SA 3.0
Statistics: Position
960
Statistics: Rank
115373

Engadir un novo comentario

Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.

Seguranza
148735296Click/tap this sequence: 6165

Google street view

Where can you sleep near Catedral de León ?

Booking.com
489.133 visits in total, 9.196 Points of interest, 404 Destinos, 39 visits today.