Volcán

Un volcán é unha estrutura xeolóxica pola cal emerxe magma (rocha fundida) e gases do interior dun planeta. O ascenso ocorre xeralmente en episodios de actividade violenta denominados erupcións, nas cales o volcán inxecta altas cantidades de poeira, gas e aerosois na atmosfera, podendo causar arrefriamento climático temporal.

Ao acumularse o material arrastrado do interior fórmase unha estrutura cónica en superficie que pode atinxir alturas dunhas centenas de metros ata varios quilómetros. Ao conduto que comunica o reservorio de magma ou cámara magmática en profundidade coa superficie denomínaselle cheminea. Esta termina na cima do edificio volcánico, o cal esta rematado por unha depresión ou cráter.

Algúns volcáns, logo de sufrir erupcións grandes, colápsanse formando enormes depresións nas súas cimas que superan o quilómetro de diámetro. Estas estruturas reciben o nome de caldeiras.

A viscosidade (fluidez) das lavas guindadas por volcáns esta controlada pola súa composición química. Así, lavas máis fluídas, ou de tipo hawaiano, teñen composicións ricas en ferro e magnesio e teñen un contido baixo en sílice. Estas ó saír da cheminea almacénanse no cráter ou caldeira ata deitar por fóra, formándose ríos de lavas que poden fluír distancias de varias decenas de quilómetros.

As lavas viscosas teñen un alto contido en sílice e vapor de auga. Dado que flúen pobremente, forman un tapón na cheminea o que dá lugar a erupcións explosivas, aumentando o tamaño do cráter. En casos extremos poden destruír completamente o edificio volcánico como sucedeu durante a erupción do Monte Santa Helena en 1980.

A lava non erupciona sempre dende unha cheminea central xa que pode abrirse camiño a través de aberturas nos flancos do volcán. Se estas erupcións son continuas poden dar lugar ao que se coñece como cono parasito. O Monte Etna ten máis de 200 destes conos parasitos e algúns deles só expulsan gases. Estes últimos chámanse fumarolas.

Polo xeral os volcáns están asociados aos límites de placas tectónicas, aínda que hai excepcións como o vulcanismo de puntos quentes ou hot spots situados no interior de placas tectónicas tal como é o caso das illas Hawaii, teoría barallada tamén para a orixe do Arquipélago Canario.

No 2020 confirmouse que as erupcións volcánicas poden ser favorecidas por períodos de chuvias intensas.

Os xeólogos clasificaron os volcáns en tres categorías: volcáns en escudo, conos de cinzas e conos compostos (tamén coñecidos como estratovolcáns).

O volcán coñecido máis grande do Sistema Solar é Olympus Mons, situado en Marte e actualmente inactivo, cuns 600 km de base e uns 27 km de altura. Outras estruturas volcánicas salientables poden atoparse na superficie de Ío.