Manneken Pis
O Manneken Pis (expresión en neerlandés que en galego significa "homiño que ouriña") é unha singular estatua de bronce de 55,5 centímetros situada no centro histórico de Bruxelas, Bélxica, que representa un neno pequeno espido ouriñando dentro da cunca da fonte.
Xunto co Atomium e a Grand Place, é un dos símbolos da cidade e unha das súas atraccións turísticas principais, simbolizando o espírito independente dos seus habitantes.
Había xa unha estatua parecida de pedra a mediados do século XV, quizais xa desde 1388 (data da primeira mención achada nos arquivos da catedral de Bruxelas), que foi roubada en varias ocasións.[1] En 1619 foi substituída por unha figura de bronce feita polo escultor barroco franco-flamengo Hieronymus Duquesnoy o Vello, que a situou sobre unha columna de seis pés de altura tallada por Daniel Raessens.[2] A columna foi substituída polo actual nicho en estilo rococó, en 1770.[3]
Os bruxeleses protexeron a figura durante o asedio e o bombardeo da cidade polos franceses en 1695. Logo destes feitos engadiuse unha inscrición baixo a estatua que dicía: In petra exaltavit me, et nunc exaltavi caput meum super inimicos meos ("O Señor ergueume sobre unha rocha, e agora elevo a miña cabeza sobre os meus inimigos").[4][5]
A estatua actual é unha reprodución da orixinal, que foi roubada nos anos 1960. Este acontecemento protagonizou numerosas noticias na prensa, o que contribuíu a darlle á estatua e ao monumento moita sona internacional. Logo dun tempo, o orixinal foi recuperado, aínda que non volveu ao seu lugar orixinal, senón que se depositou, xunto a outra copia de bronce dourado do século XVII, no Musée de la Ville de Bruxelas.[6][7]
Antigamente, o chorro de auga do Manneken Pis adoitaba ser substituído, con motivo das festas, por outras beberaxes como hidromel ou viño). En concreto, en 1890, durante as grandes festas bruxelesas, que se desenvolveron durante dous días, o Manneken ouriñou viño e lambic (cervexa de trigo e cebada típica de Bruxelas).[8]
↑ Chloé Deligne. "Edilité et politique : Les fontaines publiques urbanes dans les Pays-Bas méridionaux au Moyen Age". En Histoire urbaine, no 32, 2008 (en francés) ↑ "Le folklore brabançon : histoire et vie populaire". 1981. P. 183 [ISSN 0015-590X] (en francés) ↑ Gustave Des Marez. Guide illustré de Bruxelles. t. 1, 1918. P. 144 (en francés) ↑ Culot, M.; Hennaut, E.; Demanet, M.; MIerop, C. Le bombardement de Bruxelles par Louis XIV et la reconstruction qui s'en suivit. 1695-1700. P. 77-79 (en francés) ↑ Gustave Des Marez. Guide illustré de Bruxelles. t. 1, 1918. P. 143 (en francés) ↑ Couvreur, M.; Deknop, A.; Symons, T. Manneken-Pis dans tous ses états. Musées de la Ville de Bruxelles, 2005 (en francés) ↑ O Manneken Pis Arquivado 03 de febreiro de 2018 en Wayback Machine. na web oficial do Museo da Cidade de Bruxelas (en francés) ↑ Historia do Manneken Pis. No sitio web da Commune Libre de l'Ilot Sacré (en castelán)
Engadir un novo comentario