Château de Chenonceau

( Castelo de Chenonceau )

O castelo de Chenonceau (en francés, château de Chenonceau), tamén coñecido como o «castelo das damas», é un castelo de estilo residencial do século XVI situado na comuna de Chenonceaux, no departamento de Indre e Loira, e que forma parte da serie de castelos comunmente coñecidos como «castelos do Loira».

Por outra banda, trátase do Monumento Histórico en mans privadas máis visitado de toda Francia, e inclúe varios xardíns, un parque e unha plantación vitivinícola. O castelo, que substituíu a outro anterior, non só posúe importancia en tanto como obra de arte, senón que ademais gozou dunha activa presenza na historia de Francia.

Historia
 
Vista das arcadas da Ponte de Diana, sobre o que Jean Bullant edificou a galería en 1576-1577.

A primeira cita da existencia do lugar de Chenonceaux corresponde ao século XI, documentándose nos séculos XIII a XV a presenza dunha residencia feudal, cuxa propiedade pertencía á familia dos Marques.[1] En 1411 unha orde real obrigou ós Marques a destruír a súa casa nobre con motivo da súa participación en actividades contra o rei.[1] Posteriormente, en 1432, Jean Marques ordenou a construción dun castelo e un muíño fortificado sobre os anteriores cimentos.[1]

Idade Moderna

O castelo actual foi edificado na canle do río Cher, sobre os alicerces dun muíño fortificado e do anterior castelo fortificado que se comprou á familia de Marques. Este último foi derrubado, menos a torre da homenaxe do mesmo (a Tour des Marques ou torre dos Marques, que logo se adaptou ao estilo renacentista) e do pozo adxacente. Foi construído polo secretario da facenda do rei Francisco I de Francia. O corpo residencial cadrado que constitúe o castelo orixinal foi construído entre 1513 e 1521 por Thomas Bohier.[2] Posto que Thomas estaba ocupado en asuntos bélicos, foi especialmente a súa esposa, Katherine Briçonnet, quen se encargou de dirixir os traballos do castelo. Bohier era intendente de impostos e máis tarde foi Intendente Xeral de Finanzas de Carlos VIII, Luís XII, e finalmente de Francisco I e a súa divisa era: S'il vient à point m'en souviendra.

Tralo falecemento de Thomas Bohier, tivo lugar unha auditoría financeira, que puxo de relevo a existencia de malversacións de fondos, o que fixo que Francisco I impuxese unha forte multa aos seus descendentes, así como recuperar o dominio feudal e o castelo que se incluía no mesmo (1535). O castelo acabaría sendo regalado por Henrique II á súa célebre favorita Diana de Poitiers, duquesa de Valentinois.[2] Diana de Poitiers encargou a Pacello da Mercoliano que acondicionase na beira dereita do río Cher o xardín que aínda hoxe leva o seu nome; á vez que encargaba ao seu arquitecto habitual, Philibert de l'Orme, a construción dunha ponte que unise o castelo de Bohier coa beira dereita do río, coa finalidade de establecer alí novos xardíns. Porén, esta ponte xa formaba parte dos plans orixinais de Thomas Bohier.

 
A cámara e a cama de Diana de Poitiers.

Tralo falecemento de Henrique II, que resultou mortalmente ferido (de forma accidental) durante un torneo celebrado en 1559 polo capitán da súa garda escocesa Gabriel I de Montgomery, Catarina de Medici, que pasou a ser a rexente do Reino de Francia, obrigou a Diana de Poitiers, a súa rival no corazón do defunto rei, a que restituíse á coroa o castelo de Chenonceau.[2] A cambio desta cesión, entregou a Diana o castelo de Chaumont-sur-Loire, que se atopa a poucos quilómetros do de Chenonceau.

En tanto que raíña nai, tralos sucesivos accesos ao trono dos seus fillos, Francisco II, Carlos IX e Henrique III, Catarina de Medici fixo que en 1576-1577 Jean Bullant edificase sobre a ponte de Diana a galería que se pode contemplar actualmente, acabando deste xeito de conferir ao castelo de Chenonceau o estilo que hoxe se pode admirar.[2]

Tras recibir o castelo a visita de Luís XIV o 14 de xullo de 1650, bautizouse a unha das salas do castelo como Salón de Luís XIV.

 
O castelo de Chenonceau visto desde os xardíns de Diana de Poitiers.

A historia do castelo quedou marcada polas mulleres, tanto as que o construíron como as que nel residiron ou foron as súas propietarias. Entre elas destaca Luisa de Lorena-Vaudémont, a esposa do rei Henrique III de Francia cuxa habitación, no segundo piso do castelo, segue mantendo o loito polo seu marido, asasinado no ano 1589. Unha habitación está dedicada ás fillas e noras de Catarina de Medici, La chambre das cinq Reines (A habitación das cinco raíñas: María Estuardo, Margarita de Valois, Luisa de Lorena-Vaudémont, Isabel de Austria e Isabel de Valois).

Con todo, acabados os fastos correspondentes ás festas rexias do Renacemento, o castelo retornou a mans privadas, despois de diversas herdanzas e compravendas. Claude Dupin, un potente financeiro da época, adquiriu o castelo en 1733 ao duque de Borbón. A súa segunda esposa, Louise Dupin, tivo alí o seu salón de recepcións, no que recibiu por exemplo a Voltaire, Fontenelle, Marivaux, Montesquieu, Buffon ou Rousseau. É precisamente a Louise Dupin a quen se atribúe a diferenza ortográfica entre o nome da localidade (Chenonceaux) e o do castelo (Chenonceau). Propietaria do castelo nos tempos da Revolución francesa e moi apreciada polos habitantes de Chenonceaux, quixo facer un xesto que diferenciase á monarquía, da que o castelo era un símbolo eminente, da república. Habería así cambiado a ortografía de Chenonceaux suprimindo o «x» final. Aínda que ningunha fonte confirme estes extremos, o certo é que a ortografía Chenonceau é hoxe en día a aceptada maioritariamente para designar ao castelo.

Idade Contemporánea
 
O castelo de Chenonceau, visto desde os xardíns de Diana de Poitiers.

En 1799, o seu sobriño neto René, François Vallet de Villeneuve herdou o castelo coas súas pertenzas e levou a cabo diversas reparacións para eliminar o vandalismo producido durante a revolución.[3] A construción seguiu en mans da familia até 1864, cando foi vendida a Marguerite Pelouze (Marguerite Wilson como nome de solteira), irmá maior do político Daniel Wilson. Marguerite adquiriu o castelo e 136 hectáreas de terreo polo prezo de 850.000 francos franceses, tralo que emprendeu a restauración do castelo, entre os anos 1867 e 1878, e que custou máis dun millón e medio de francos de ouro.[4] A restauración encargouse a Félix Roguet, resultando unha complexa e cara restauración. Como exemplo, restituíu ao seu estado orixinal a fachada de acceso que fora modificada en tempos de Catarina de Medici, parte das escaleiras, chemineas renacentistas e a porta da capela, dotada de esculturas de moi boa calidade.[5]

Algún dos frescos interiores das estancias do castelo son obra do seu amante o pintor Charles Toché (Nantes 1851-París 1916), un "home belo, mal pintor, pero provisto de erudición e bo gusto" segundo Paul Morand, quen o coñeceu en Venecia en 1909; realizou exposicións no Petit Palais de París en 1887, decorou cos seus frescos o Teatro de Nantes, do mesmo xeito que —entre outros edificios parisienses— Lle Chabanais, famoso bordel frecuentado polo entón príncipe de Gales, o futuro Eduardo VII de Inglaterra.[6][7]

No verán de 1879 madame Pelouze recibiu na súa orquestra de cámara a un mozo pianista, Claude Debussy, e en 1886 Toché organizou para Jules Grévy, presidente da República entre 1879 e 1887, «unha festa nocturna no río Cher, coa reconstitución do Bucentaure rodeado de góndolas» —unha alegoría do Cher na que figura un gondoleiro (tapicería de Neuilly, finais do século XIX) exhíbese exposta no vestíbulo da segunda planta do castelo—.[7]

Daniel Wilson (1840–1919), irmán de Marguerite Pelouze e deputado radical francés polo departamento de Indre e Loira en 1869 e 1871, e máis tarde deputado por Loches (1876–1889), recibía no castelo á oposición republicana local; en outubro de 1881 produciuse no castelo a recepción correspondente ao seu matrimonio con Alice Grévy, filla do presidente Jules Grévy. Daniel Wilson foi o instigador do chamado escándalo das condecoracións, que saíu á luz o 7 de outubro de 1887.

En 1888, a propiedade foi embargada a petición dos acredores dos propietarios, sendo adquirida polo Crédit Foncier de France. En 1891 foi comprado por José Emilio Terry, pertencente a unha familia de magnates cubanos de orixe hispano-irlandesa.[8][9] En 1896 José Emilio vende a propiedade ao seu irmán Francisco Terry Dortycos, pai de Emilio Terry, o arquitecto, artista e decorador de interiores quen en 1934 compraría o castelo de Rochecotte. O 5 de abril de 1913, por medio dunha poxa xudicial foi adxudicada ao prezo de 1.361.660 francos a Henri Menier (1853–1913), personaxe da alta burguesía industrial e propietario do Chocolat Menier, pero Henri faleceu en setembro, sendo sucedido polo seu irmán Gaston (1854-1934), quen o transmitiu aos seus descendentes.

Durante a Primeira guerra mundial, como sucedeu con tantos outros castelos e palacios franceses, Gaston Menier instalou no castelo de Chenonceau un hospital militar, no que recibiron coidados médicos un total de 2.254 soldados feridos en combate.[2] Durante a Segunda guerra mundial, o edificio atopábase xusto na mesma liña de demarcación, con parte do castelo dentro da Zona ocupada polos alemáns e outra parte na chamada Zona libre controlada polo goberno da Francia de Vichy. En 1944 unha bomba lanzada por un avión caeu nas inmediacións da capela, destruíndo as vidreiras orixinais, que na posguerra foron substituídas por outras obra de Max Ingrand.

↑ 1,0 1,1 1,2 "Castillo de Chenonceau. Historia". Castillo de Chenonceau. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2008. Consultado o 1 de febreiro de 2008.  ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome VisitandoEuropa Maumené, Albert (15 de decembro de 1901), « Le château de Chenonceau », p. 355 a 361 Ranjard (1976), p.  23 Jean Guillaume, Chenonceau, extra n° 37 de Connaissance des Arts, 2001, p.31 E.Bénézit, Dictionnaire des peintres,...etc. Grund, 1955, p.328 ↑ 7,0 7,1 Morand (1963), pp. 17-18 Clara Crawford Perkins, catedrales francesas y castillos, Volumen 1 (Knight y Millet, 1903), páxina 123 "Blois, Amboise, Chambord y Chenonceaux", arquitecto estadounidense y la arquitectura, Volumen 37 (Hearst Magazines, Inc., 1892), páxina 39
Photographies by:
Zones
Statistics: Position
644
Statistics: Rank
154171

Engadir un novo comentario

Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.

Seguranza
638192574Click/tap this sequence: 1698

Google street view

Where can you sleep near Castelo de Chenonceau ?

Booking.com
489.906 visits in total, 9.197 Points of interest, 404 Destinos, 71 visits today.