ប្រាសាទ អង្គរវត្ត

( Angkor Wat )

Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo. Consonte o Libro Guinness dos Récords é o meirande sitio relixioso do mundo. É o lugar do país máis visitado polos turistas anualmente, cuns 800 000 visitantes por ano. Foi fundado orixinalmente como templo hindú para o Imperio Khmer, mais gradualmente transformado nun templo budista cara ao final do século XII.

Situado a 5,5 km ao norte da actual Siem Reap, na provincia homónima de Camboxa, Angkor Wat forma parte do complexo de templos construídos na zona de Angkor, a antiga capital do ...Ler máis

Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo. Consonte o Libro Guinness dos Récords é o meirande sitio relixioso do mundo. É o lugar do país máis visitado polos turistas anualmente, cuns 800 000 visitantes por ano. Foi fundado orixinalmente como templo hindú para o Imperio Khmer, mais gradualmente transformado nun templo budista cara ao final do século XII.

Situado a 5,5 km ao norte da actual Siem Reap, na provincia homónima de Camboxa, Angkor Wat forma parte do complexo de templos construídos na zona de Angkor, a antiga capital do Imperio Khmer durante a súa época de esplendor, entre os séculos IX e XV. Angkor abrangue unha extensión en torno a 200 km², aínda que recentes investigación falan dunha posible extensión de 3 000 km² e unha poboación de ata medio millón de habitantes. O templo ten a forma dun rectángulo, cunha lonxitude aproximada de 1,5 km de oeste a leste e 1,3 km de norte a sur. No interior do foso que circunda completamente o muro perimetral de 3,6 km hai tres galerías rectangulares, construídas unha sobre outra. No centro do templo levántanse cinco torres. Angkor Wat contén dúas principais características da arquitectura camboxana: o templo outeiro que se ergue no interior dun foxo e que simboliza o Meru (a montaña dos deuses na relixión hindú, de feito o templo está consagrado a Visnú), e os sucesivos templos de galería.

Dende a súa construción a principios do século XII e ata o traslado da sede real ao próximo Bayon, a finais do mesmo século, Angkor Wat foi o centro político e relixioso do imperio. O recinto —entre cuxos muros calculouse que vivían 20 000 persoas—, cumpría as funcións de templo principal, e albergaba ademais o palacio real. Outras hipóteses apuntan a que tamén serviu de mausoleo, un lugar onde o rei podería ser venerado despois da morte, xa que a entrada principal está situada no oeste, como nos templos funerarios hindús.

O templo consta de tres recintos rectangulares concéntricos de altura crecente, rodeados por un lago perimetral de 3,6 km de lonxitude e dunha anchura de 200 m. No recinto interior érguense cinco torres en forma de loto, acadando a torre central unha altura de 42 m sobre o santuario, e 65 m sobre o nivel do chan.

Angkor Wat converteuse nun símbolo de Camboxa, ata o punto de figurar na bandeira do país. O 14 de decembro de 1992 foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade.

Historia
 
Baixorrelevo do rei Suryavarman II en Angkor Wat.

Angkor Wat é o máximo expoñente da arquitectura do Imperio Khmer, cuxos primeiros templos se remontan ao século VI.[1] O xigantesco monte-templo foi feito construír polo monarca Suryavarman II, quen reinou dende o ano 1113 ata o 1150. Suryavarman II alcanzou o poder logo de asasinar o daquela rei Dharanindravarman, saltando sobre el mentres o monarca paseaba no seu elefante, polo que algúns historiadores opinan que as colosais dimensións deste templo están motivadas en parte polo desexo de contrarrestar a aparente ilexitimidade do seu reinado.[2]

Segundo conta a lenda, o rei quixo situar o templo nun lugar do agrado dos deuses, polo cal soltou un boi na chaira e decidiu construír o templo no lugar onde se deitase.[3] Sexa certa a lenda ou non, Suryavarman II estableceu o templo xunto á antiga cidade de Yashodharapura[4] (que en sánscrito significa «cidade sagrada»),[5] situada a escasos quilómetros da actual cidade de Siem Reap, e ao igual que os seus predecesores, dispuxo o palacio dentro do recinto amurallado do complexo. Os traballos no templo interrompéronse á morte do rei e non foron continuados, polo que a construción do complexo durou unicamente 37 anos.[1]

En 1177 Angkor foi saqueada polos cham, un pobo localizado no actual Vietnam[6] e inimigo tradicional dos khmer. Poucos anos despois, coa chegada do rei Jayavarman VII expulsouse os invasores e ampliáronse as fronteiras do imperio. Este importante rei, cuxo reinado se estendeu desde o 1181 ata o 1220,[7] abandonou o hinduísmo e converteuse ao budismo da rama Mahāyāna,[6] establecendo a nova capital no próximo Angkor Thom, con Bayon como novo templo.

A finais do século XIII, o rei Jayavarman VIII retornou ás crenzas hinduístas, destruíndo parte do legado de Jayavarman VII e mellorando algúns templos hinduístas, incluído Angkor Wat.[8] A Jayavarman VIII sucedeulle Srindravarman en 1295: este novo rei, que nos anos anteriores fora ordenado monxe budista en Sri Lanka, cambiou novamente a relixión do imperio cara ao budismo, aínda que adoptando esta vez as crenzas da rama Theravāda.[9] Entre os séculos XIV e XV, o Imperio Khmer viu chegar dende Sri Lanka os primeiros monxes budistas Theravadas, que transformarían os templos para a nova relixión. Foi nese tempo cando o templo de Angkor Wat se remodelou para adaptarse ao culto budista Theravāda,[8] feitos que sucederon pouco antes do abandono final de Angkor.

 
Os monxes de Angkor Wat foron os únicos que permaneceron durante os séculos do abandono.

A pesar da decadencia do imperio e o abandono dos templos durante os séculos seguintes, os monxes budistas permaneceron en Angkor Wat ata que os franceses o redescubriron. Nas galerías do Preah Poan —unha galería cruciforme que serve de entrada ao terceiro recinto do templo— encontráronse estatuas de Buda de madeira, pedra e metal. Algunhas destas esculturas están datadas entre os séculos XVI e XVIII, o que confirma que o templo de Angkor, ao contrario que outros da zona, nunca foi abandonado. Tamén a aparición de inscricións en linguas como a birmana ou a xaponesa[10] permiten inferir a repercusión que tivo o templo fora das fronteiras camboxanas.

Non se coñecen con certeza as razóns polas que Angkor foi abandonada: unha das máis probables foi a decadencia do Imperio Khmer, principalmente a causa das incursións mongois (1283)[6] e siamesas (entre 1369 e 1431),[11] que evidenciaron a excesiva proximidade da capital respecto aos invasores, polo que os gobernantes puideron determinar a busca dun sitio máis seguro ao sur do lago Tonlé Sap, nas zonas próximas ás actuais cidades de Nom Pen e Udong. Ademais, a proximidade destes novos emprazamentos ao delta e ao Mar da China Meridional dotábaos dunha mellor situación estratéxica para o comercio e o intercambio marítimo, tan importante nunha rexión onde o transporte por terra practicamente se interrompía na época de choivas. Arguméntase tamén a posibilidade de epidemias ou fames (motivadas quizais pola pequena Idade do xeo experimentada na Idade Media),[12] que obrigaran á monarquía a mover o seu trono cara ao sur. En calquera caso, Angkor foi abandonada no ano 1432, e a nova capital estableceuse en Lovek, cerca da actual Phnom Penh.

Non obstante, Angkor foi novamente habitada na segunda metade do século XVI: no ano 1550, o rei Ang Chan (1516–1566) trasladouse a Angkor Thom, aínda que mantivo a capital en Lovek, e uns anos despois, en 1576, o rei Satha trasladou de novo a corte a Angkor. Como consecuencia diso realizáronse diversas tarefas de restauración en Angkor Wat, das que queda constancia nunha inscrición do ano 1577.[13] Non obstante, esta nova ocupación de Angkor durou pouco, pois en 1594 os siameses conquistaron o feble imperio camboxano, e Angkor foi abandonada definitivamente.[6]

Descubrimento en occidente
 
Fotografía de Angkor, tomada en 1866 por Emile Gsell.

Logo do seu abandono a finais do século XVI, Angkor foi sepultada pola selva, coa única excepción do templo de Angkor Wat, que permaneceu habitado por monxes budistas.

Aínda persiste a lenda de que Angkor Wat caeu no esquecemento ata que foi redescuberto a finais do século XIX polo naturalista francés Henri Mouhot, quen se topou co templo accidentalmente mentres cazaba bolboretas.[3][14] Esta historia é un mito, pois Mouhot non foi o primeiro occidental en visitar o templo, e este nunca foi completamente abandonado, permanecendo na memoria colectiva do pobo khmer e mesmo transcendendo as fronteiras do seu imperio. A primeira visita documentada dun occidental a Angkor Wat tivo lugar no ano 1586, e foi realizada polo frade capuchino portugués António da Madalena.[15] As impresións do frade foron recollidas por un funcionario e historiador portugués chamado Diogo do Couto,[16][17] quen as deixaría por escrito:[15][18]

“ ...unha construción de tal modo extraordinaria que non é posible describila por escrito, especialmente é diferente de calquera outro edificio no mundo. Posúe torres, decoración e todos os refinamentos que o xenio humano pode concibir. ”

— Diogo do Couto

 
O plano máis antigo conservado de Angkor Wat (século XVII).

Tras esta visita, outros pioneiros europeos, especialmente españois e portugueses,[16] continuaron a visitar as ruínas, aínda que sen obter demasiada repercusión pública.[19] Tamén hai constancia dunha carta de 1668 na que un frade francés de nome Chevreul menciona o lugar. O templo tamén recibiu visitas de oriente: o mapa máis antigo de Angkor Wat está datado entre 1623 e 1636, e é obra dun peregrino xaponés[17] de nome Kenryo Shimano.[20]

En 1857, o misioneiro francés Charles Emile Bouillevaux foi o primeiro en deixar constancia «moderna» da visita dun occidental a Angkor Wat, ao publicar no seu libro Voyage dans l'Indo-Chine 1848–1856, unha breve recensión sobre a visita realizada ao templo no ano 1850.[17] Mais non foi senón ata uns anos despois, en 1860, cando un compatriota seu, o naturalista e explorador Henri Mouhot, conseguiu por fin atraer a atención popular cara a Angkor. Logo dunha viaxe financiada pola Royal Geographical Society e a Zoological Society of London, os debuxos e a apaixonada descrición do templo rexistrados nos cadernos de viaxe deste naturalista foron publicados postumamente en París en 1868, co nome de Voyage dans les royaumes de Siam, de Cambodge et de Laos (Viaxe aos reinos de Siam, Camboxa e Laos).[3] Nas súas observacións, o francés exaltaba a beleza e magnificencia do templo:[21]

“ Un deses templos —rival do de Salomón, e erixido por algún antigo Miguel Anxo—, podería ocupar un honorable lugar entre os nosos edificios máis belos. É maior que calquera dos nosos legados de Grecia e Roma, e presenta un triste contraste co estado de barbarie no que agora se encontra sumida a nación. ”

— Henri Mouhot

No ano 1863, entre a visita de Mouhot e a publicación dos seus cadernos de viaxe, Camboxa converteuse en protectorado francés, e varios grupos de exploradores chegaron a Angkor: un dos primeiros foi o fotógrafo escocés John Thomson, que traballou tamén para a Royal Geographical Society, e que despois de ler as crónicas de Mouhot decidiu visitar Angkor. En 1866 realizou unha serie de cincuenta fotografías, especialmente de Angkor Wat, que se publicaron un ano despois.[22] Estas fotos, xunto co libro de Mouhot, lanzaron definitivamente á fama o templo de Angkor Wat, mentres o número de viaxeiros e exploradores que chegaban a Angkor seguiu en aumento.

Restauración
 
Vista aérea do complexo en 2005.

En 1898 fundouse a École Française d'Extrême-Orient co propósito de estudar o patrimonio artístico da Indochina baixo dominio francés. En 1907 Siam (actual Tailandia) cedeu varios territorios a Camboxa, entre os que se encontra a zona de Angkor. A raíz deste feito a conservación dos monumentos pasou a ser responsabilidade da École, que tan só un ano despois iniciou os labores de conservación.[19] A tarefa foille encomendada a un militar e administrativo francés chamado Jean Commaille, quen entre 1908 e 1910 decidiu concentrar os esforzos en Angkor Wat.[23] Logo do asasinato de Commaille en 1916, sucedeulle no posto o arquitecto Henri Marchal, xa un verdadeiro técnico, que levou a Angkor o método da anastilose, aprendido dos neerlandeses durante unha viaxe a Xava nos anos 30. Marchal foi sucedido por Maurice Glaize en 1937 e por outros máis tarde,[24] ata que os traballos de restauración da École foron interrompidos nos anos 70 pola devastadora revolución dos Khmer vermellos.[6]

En 1993, un ano despois da declaración de Angkor como Patrimonio da humanidade, e a raíz dunha conferencia intergobernamental en Toquio, estableceuse un Comité de Coordinación Internacional para restaurar e preservar o patrimonio de Angkor, presidido por xaponeses e franceses. Paralelamente, o goberno camboxano creou a APSARA (Autoridade para a xestión e protección de Angkor e a rexión de Siem Reap) co obxectivo de obter o status permanente de Patrimonio da humanidade por parte da UNESCO; un status que se conseguiu no ano 1995.[25]

Diversos equipos de varios países teñen participado, ou participan aínda, nos labores de restauración no templo: un equipo alemán encargouse de restaurar os relevos de apsaras; un equipo italiano encargouse do lago, e varios equipos xaponeses teñen realizado distintas intervencións, destacando as restauracións da esquina norte do muro oeste (iniciada en 1995)[26] e da biblioteca norte.[27]

Do mesmo xeito que noutros templos de Angkor, a maioría dos labores de restauración lévanse a cabo mediante o método da «reintegración» ou anastilose;[11] un proceso de reconstrución consistente en recolocar as pezas orixinais derruídas, ou nalgúns casos mesmo en elaborar de novo as pezas faltantes —sempre e cando exista información suficiente para facelo fielmente—.[28] Outra técnica empregada consiste en desmontar peza por peza o monumento para proceder á súa limpeza e/ou a súa consolidación, para posteriormente restituílo ao seu estado orixinal.

 
Unha das bibliotecas. A pesar do seu nome, non hai certeza sobre a función orixinal destes edificios.

Mais os labores de restauración non sempre foron os máis axeitados: entre 1986 e 1992 o Servizo Arqueolóxico da India mantivo un proxecto para retirar toda a vexetación, musgo e liques achados nas pedras. Nesta limpeza o equipo indio empregou algúns produtos químicos daniños a medio prazo para a pedra, o que lles valeu críticas de varios arqueólogos occidentais.[29] Nos anos seguintes, o equipo alemán encargado das apsarás encontrou mostras desta deterioración nalgúns dos baixorrelevos.[30]

Recentemente alertouse sobre a presenza dunha bacteria que podería estar acelerando a degradación da superficie das pedras, e cuxa proliferación podería deberse á ausencia duns minúsculos liques eliminados durante os labores de limpeza e restauración.[31] Estas películas microbianas foron encontradas amais de en Angkor Wat en Preah Khan, en Bayon, e noutros templos de Angkor. A deshidratación e a resistencia á radiación das cianobacterias filamentosas poden producir ácidos orgánicos que degradan a pedra. Un fungo filamentoso negro foi encontrado en mostras internas e externas de Preah Khan, mentres que a alga Trentepohlia foi encontrada só en mostras tomadas na pedra rosada exterior de Preah Khan.[32]

Tampouco as primeiras intervencións francesas no templo estiveron exentas de críticas: varias das actuacións máis antigas, efectuadas sobre monumentos cuxa integridade estrutural estaba ameazada, resolvéronse de xeito apresurado e sen os medios axeitados. Como resultado, hoxe en día poden verse piares reforzados con abrazadeiras metálicas oxidadas, emplastos de formigón reenchendo ou mesmo rodeando piares danados, ou barras de aceiro embutidas na pedra;[29] unhas intervencións procedentes da época de Henri Marchal, e xeralmente desculpadas como un «mal menor».[24] Non obstante, unha das intervencións francesas máis criticadas foi a reconstrución dun antigo artesoado de madeira empregando formigón en lugar do material orixinal, unha obra realizada na galería sur do templo en tempos máis recentes. Ao parecer, o teito de madeira orixinal desapareceu na década de 1970, empregado polas guerrillas dos Khmer vermellos para facer lume. Non foron estes os únicos danos contemporáneos que sufriu o templo: tamén un proxectil perdido estadounidense destruíu accidentalmente un dos pavillóns.[29] Non obstante, os maiores danos proceden da pillaxe e o contrabando de antigüidades que padeceu o templo nas últimas décadas, especialmente durante a década de 1990.[33] Afortunadamente, a concienciación popular e a crecente vixilancia, tanto por parte gobernamental como pola UNESCO, parecen estar mellorando ostensiblemente a situación.[34]

↑ 1,0 1,1 huntingtonarchive.osu.edu (ed.). "Angkor Wat" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2006. Consultado o 19 de xuño de 2015.  Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome natgeo ↑ 3,0 3,1 3,2 Toledano, Ruth (23 de marzo de 2008). "Camboya, templos de esperanza" (en castelán). El País. Consultado o 20 de xuño de 2015.  Albanese 2006, p. 151 Behnke 2008, p. 20 ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Cambodia, Siem Reap The Kingdom Of Angkor" (en inglés). Bayon Pearnik. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2011. Consultado o 20 de xuño de 2015.  Freeman 2003, p. 12 ↑ 8,0 8,1 Freeman 2003, p. 13 Freeman 2003, pp. 8-13 Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome apsara ↑ 11,0 11,1 "Angkor Wat: la octava maravilla" (en castelán). moleskinearquitectonico.blogspot.com. 12 de decembro de 2007. Consultado o 19 de xuño de 2015.  "Angkor “killed by climate change”" (en inglés). The Southeast Asian Archaeology Newsblog. 7 de marzo de 2010. Consultado o 19 de xuño de 2015.  Dumarçay & Royère 2001, p. 114 "Angkor Wat, Angkor Thom y Ta Prohm" (en castelán). viajeros.com. 4 de novembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2010. Consultado o 19 de xuño de 2015.  ↑ 15,0 15,1 Indochina Mon Amour, ed. (17 de agosto de 2009). "Os primeiros a chegar a Angkor Wat" (en portugués). Consultado o 19 de xuño de 2015.  ↑ 16,0 16,1 Behnke, Alison (2009). Twenty-First Century Books, ed. Angkor Wat. Unearthing Ancient Worlds (en inglés). Minneapolis. ISBN 978-0-8225-7585-6. Consultado o 19 de xuño de 2015.  ↑ 17,0 17,1 17,2 Albanese 2006, p. 70 Higham 2001, pp. 1-2 ↑ 19,0 19,1 Freeman 2003, p. 40 Behnke 2008, p. 12 Ven. Vodano Sophan Seng. "Brief Presentation to a Volunteer Group of Glenbow Museum in the Asian Gallery who visited the centre in May 28, 2005" (PDF) (en inglés). Cambodian-Canadian Community in Calgary. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 23 de agosto de 2006. Consultado o 25 de agosto de 2015.  Behnke 2008, p. 13 "Jean COMMAILLE" (en francés). angkor.wat.online.fr. Consultado o 20 de xuño de 2015.  ↑ 24,0 24,1 Freeman 2003, p. 41 "APSARA. Authority for the Protection and Management of Angkor and the Region of Siem Reap" (en inglés). APSARA. Consultado o 10 de novembro de 2016.  "Sophia Asia Center for Research and Human Development Projects". Apsara (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2015.  Freeman 2003, p. 42 De Launey, Guy (21 de agosto de 2012). "Restoring ancient monuments at Cambodia's Angkor Wat". BBC (en inglés). Consultado o 16 de agosto de 2015.  ↑ 29,0 29,1 29,2 Ciochon, Russell; James, Jamie (14 de outubro de 1989). "The battle of Angkor Wat: Cambodia's national symbol" (en inglés). New Scientist. Consultado o 20 de xuño de 2015.  "German Apsara Conservation Project". LonelyPlanet.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2009. Consultado o 20 de xuño de 2015.  "Conservation: The war on the microbiological front" (en inglés). The Southeast Asian Archaeology Newsblog. Consultado o 20 de xuño de 2015.  Gaylarde CC; Rodríguez CH; Navarro-Noya YE; Ortega-Morales BO (Febreiro de 2012). "Microbial biofilms on the sandstone monuments of the Angkor Wat Complex, Cambodia". Current Microbiology 64 (2): 85–92. PMID 22006074. doi:10.1007/s00284-011-0034-y.  Freeman 2003, pp. 42-43 "Heritage: Angkor's role in the search for a lost unity" (en inglés). UNESCO. 28 de maio de 2002. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2009. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
Photographies by:
Manfred Werner (talk · contribs) - CC BY-SA 3.0
Statistics: Position
1764
Statistics: Rank
71470

Engadir un novo comentario

Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.

Seguranza
972635841Click/tap this sequence: 3216

Google street view

Where can you sleep near Angkor Wat ?

Booking.com
487.408 visits in total, 9.187 Points of interest, 404 Destinos, 34 visits today.