O Aaiún ou O Aiún (en castelán: El Aaiún, en francés: Laâyoune, en árabe: العيون [Al-Ayun]) é unha cidade do Sáhara Occidental, considerada a súa capital pola autoproclamada República Árabe Saharauí Democrática, pero na práctica atópase ocupada e administrada por Marrocos, como a maior parte do Sáhara Occidental. Está situada no interior do territorio, a 28 km da costa norte, xunto ao leito seco do río Saguia el Hamra, na rexión homónima.
A cidade contaba no ano 2014 cunha poboación dunhas 217.732 persoas, sendo a maior de todo o Sáhara Occidental.
Foi fundada en 1938 e foi a capital do territorio de Saguia el Hamra. En 1967 tiña unha poboación de 16.300 habitantes (9.700 saharauís e 6.600 españois), e 42.500 en 1974 (24.000 saharauís e 17.500 españois).
En 2005, a cidade foi escenario de graves protestas en contra da ocupación marroquí e en apoio á independencia e da Fronte Polisario. Estas protestas tamén se produjciron en outros núcleos urbanos do Sáhara Occidental, e en algúns centros universitarios de todo Marrocos. A cidade foi recoñecida como a capital da República Árabe Saharauí Democrática por 82 estados.
Engadir un novo comentario