Lynx pardinus ( Lince ibérico )

O lince ibérico, Lynx pardinus (Temminck, 1827), é un mamífero carnívoro pertencente á familia dos félidos, subfamilia dos felinos.

É semellante a unha versión do lince eurasiático, Lynx lynx, aínda que é menor que estoutra especie de lince. O lince ibérico é moito maior ca un gato doméstico. Este mamífero ten un aspecto robusto, unhas patas longas (polo que é un animal moi veloz) e un rabo curto que nos momentos de perigo ou excitación mantén erguido.

O lince ibérico garda gran semellanza con outras especies de felinos, tales como o gato montés, o guepardo ou mesmo o puma.

Atópase exclusivamente en zonas moi restrinxidas de España e Portugal tales como áreas do bosque mediterráneo nas cales non hai actividade humana con abundantes matogueiras.

É o único carnívoro especializado en coellos; tamén é un áxil cazador que vive de maneira solitaria e nómade. Móstrase de maneira máis sociable na época de celo, que comeza entre xaneiro e febreiro; alcanza a súa madurez sexual ao ano e medio de vida e adoita vivir entre 10 e 15 anos.

Grupos ecoloxistas denunciaron que o último gran felino en Europa podería desaparecer de non se tomar medidas de conservación do medio ambiente. Trátase dun animal que xa dende 1966 está clasificado como en perigo de extinción, xa que pasou de ocupar gran parte do centro e sur da Península Ibérica a ocupar soamente zonas restrinxidas de Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Castela e León, Madrid e Portugal. Os núcleos máis importantes destes felinos atópanse na Serra Morena oriental e Doñana. Calcúlase que quedan arredor de 200 exemplares na península.

Destinos