Mustafa Kemal Atatürk

Mustafa Kemal Atatürk (pronunciado: [musˈtäfä ceˈmäl ätäˈtyɾc]), nado en Tesalónica o 19 de maio de 1881 e finado en Istambul o 10 de novembro de 1938, foi un militar e político turco, fundador e primeiro presidente da República de Turquía.

Mustafa Kemal estableceuse como un líder militar moi capaz e intelixente mentres servía como comandante de división na batalla de Galípoli. Posteriormente loitou con bravura nas frontes de batalla da Anatolia e Palestina, conquistando algún renome para si durante a primeira guerra mundial. Coa derrota sufrida polo Imperio Otomán a mans dos Aliados, e os plans seguintes para o repartimento do seu territorio, Mustafa Kemal liderou o movemento nacional turco, que se coñeceria posteriormente como a guerra de Independencia turca; tras establecer un goberno provisional en Ancara, derrotou as forzas enviadas pola Tripla Entente. As súas campañas militares exitosas aseguraron a liberación do país e a proclamación da república relevando ao antigo goberno imperial otomán.

Como primeiro presidente de Turquía, Atatürk embarcou nun ambicioso programa de reformas políticas, económicas e culturais. Como admirador da Ilustración, Atatürk buscou transformar as ruínas do Imperio Otomán nunha nación-estado democrática e secular. Os principios das reformas de Atatürk adoitan ser chamadas "kemalismo", e seguen a formar a fundación política do estado turco moderno.

Destinos