Lingua náhuatl

A lingua náhuatl (que deriva de nāhua-tl, «son claro ou agradable» e tlahtōl-li, «lingua ou linguaxe»), coñecida tamén historicamente como lingua azteca, é unha lingua pertencente á familia de linguas uto-aztecas falada polo pobo náhuatl. Foi a lingua do Imperio Azteca. Segundo un censo do INEGI, no ano 2000 estimouse o número de falantes desta lingua en México nunhas 1,45 millóns de persoas, máis do 95% delas bilingües xunto co castelán. O seu uso esténdese desde o norte de México até Centroamérica.