Euskara ( Lingua éuscara )

O éuscaro ou vasco (euskara en éuscaro) é a lingua tradicional do pobo vasco. Na actualidade fálase no territorio coñecido como Euskal Herria. Comprende Euskadi e o norte de Navarra (que conforman Hegoalde) e as rexións de Baixa Navarra/Nafarroa Beherea, Lapurdi e Zuberoa, no departamento francés de Pireneos Atlánticos (o que é coñecido como Iparralde. Constitúe unha lingua illada, arrodeada por linguas de orixe indoeuropea.

O éuscaro é unha lingua aglutinante. Algunhas teorías considérano unha lingua probablemente oriúnda dos primeiros pobos que migraron cara a Europa. Outras, a través de comparacións, emparéntanno con linguas ata hoxe faladas no Cáucaso. De calquera forma, é unha lingua falada ou comprendida por polo menos 800.000 persoas, e falada dende moito antes de que se introducise a lingua latina na Península Ibérica.

Por non ter linguas parentes coñecidas, creáronse sobre o éuscaro un gran número de ideas sen base lingüística sólida, como que se trata da lingua máis complexa do mundo ou que os verbos só teñen voz pasiva. A súa estrutura sentencial é practicamente idéntica á do turco ou do xaponés. A súa morfoloxía porén, é pouco común en Europa, mais poden atoparse sistemas morfolóxicos semellantes en linguas doutros continentes.

Hoxe, o vasco está presente en nomes de empresas, institucións, actores políticos e sociais, así como etiquetas e sinais, na zona delimitada por Euskadi, Navarra e Iparralde.