Paella d'arròs ( Paella )

Denomínase paella en valenciano (do latín patella, "especie de ferrada") a un recipiente de metal (xeralmente ferro), con dúas asas ou un mango, de pouca profundidade e grande superficie, semellante a unha tixola, moi empregada en gran parte do País Valenciano (onde, de feito, paella significa "tixola"). Nesta paella adoita cociñarse unha grande variedade de arroces, algúns dos cales toman o seu nome: a paella de polo e coello, a paella de verduras, a paella de marisco, a paella de coliflor e bacallau etcétera.

Por este motivo, paella pasou a designar en galego un prato típico do País Valenciano, cociñado no recipiente do que toma o nome (de igual maneira ó que acontece con pucheiro). Trátase dun refogo de carne (polo o coello), verduras (tomate, feixón verde, pemento), azafrán e aceite, ó cal se engade auga e tras un tempo de cocción, o arroz, continuando a cocción ata que o arroz absorba todo o caldo. Adoita ter verduras e carne ou marisco, pero os ingredientes básicos son o arroz, o azafrán e o aceite de oliva, ós que se engaden as cousas que se encontran a man en cada caso.

A paella provén da época de dominación árabe: existía o costume de facer este prato con cus-cus, pero a falta deste ingrediente na península, empezaron a empregar o arroz. Coa paella, humilde e exquisito prato da horta que a finais do século XIX saltou das barracas e alquerías ás casas de comidas, barracóns e merendeiros de toda a costa valenciana.

O conxunto de especialidades que ofrecen os restaurantes urbanos, as arrocerías ó uso e os chiringuitos de praia son difíciles de encadrar dentro dunha listaxe. Hai arroces caldosos, cociñados en caldeiros, pucheiros, caldeiras e potas, coma o famoso arròs amb fesols i naps, e arroces melosos preparados en potas fondas de barro, do estilo do arròs al forn (arroz ó forno) ou o arròs amb costra (arroz con costra), cuxas receitas gardan unha enorme similitude co arròs en cassola al forn que figura no Llibre de Coch, de Robert de Nola (1520).