महात्मा गांधी ( Mahatma Gandhi )

Mohandas Karamchand Gandhi (en gujarati, મોહનદાસ કરમચંદ ગાંધી, devanágari मोहनदास करमचन्द गांधी), máis coñecido popularmente por Mahatma Gandhi (Mahatma, do sánscrito "grande alma"), nado en Porbandar (Gujarat) o 2 de outubro de 1869 e finado en Nova Deli o 30 de xaneiro de 1948, foi un dos ideólogos e fundadores do moderno estado indio e un influente defensor do Satyagraha (principio da non agresión, forma non violenta de protesta) como un medio de revolución.

Gandhi axudou a liberar a India do goberno británico, inspirando a outros pobos coloniais a traballar polas súas propias independencias e en última análise para o desmantelamento do Imperio Británico e a súa substitución pola Comunidade Británica (Commonwealth). O principio do satyagraha, frecuentemente traducido como "o camiño da verdade" ou "a busca da verdade", tamén inspirou xeracións de activistas democráticos e antirracistas, incluíndo Martin Luther King e Nelson Mandela. Frecuentemente Gandhi afirmaba a simplicidade dos seus valores, derivados da crenza tradicional hindú: verdade (satya) e non violencia (ahimsa).