寿司 ( Suxi )

O suxi (鮨, 鮓, 寿司 ou 壽司) é unha preparación culinaria de orixe xaponesa elaborada a base de arroz cocido adubado con vinagre de arroz, azucre e sal, con peixe cru ou verduras, xeralmente envoltos nunha folla de nori. Este prato é un dos máis recoñecidos da gastronomía xaponesa e un dos máis populares internacionalmente.

Aínda que normalmente se asocia o suxi co peixe e o marisco, tamén pode levar verduras ou ovo. Ademais, os produtos frescos tradicionais que acompañan o arroz non teñen por que ir sempre crus. Inclúense tamén preparacións fervidas, fritidas ou marinadas.

O suxi prepárase tipicamente en unidades pequenas, aproximadamente do tamaño dun bocado e poden adoptar diversas formas. Sérvense o peixe e o arroz enrodelados nunha folla de alga nori, e a iso chámaselle maki (rolo). Se se trata dunha especie de albóndega de arroz cuberta polo peixe falamos de nigiri. Cando o peixe se presenta embutido nunha pequena bolsa de tōfu fritido denomínase inari. Tamén pode servirse unha cunca de arroz para suxi con anacos de peixe e outros ingredientes por riba: entón chámaselle chirashi.

Fóra do Xapón o nome suxi ou sushi designa só as variedades máis habituais, coma o makizushi ou o nigirizushi; curiosamente é frecuente que se faga extensivo ó sashimi, un prato a base de peixe cru pero sen arroz.

Os xaponeses aconsellan comelo con paíños ou cubertos de madeira, ou directamente coa man. Debe evitarse o uso de utensilios metálicos, xa que alterarían o sabor da comida.

Destinos