官话 ( Mandarín )

O mandarín (北方話, 北方话, běifāng huà , "fala do norte") como termo xeral refírese ao conxunto de dialectos chineses mutuamente intelixíbeis que se fala no norte, centro e suroeste da China continental.

Non hai que confundilo coa outra acepción de mandarín, non obxecto deste artigo, a do mandarín estándar ou padrón (普通話 / 普通话, pǔtōnghuà, "lingua común", tamén chamada 漢語 / 汉语, hànyǔ, "lingua dos Hàn" , o cal se refire á lingua oficial da República Popular da China desde 1956, a lingua oficial de Taiwán (Formosa), e unha das catro linguas oficiais de Singapur.

O mandarín escríbese por medio de sinogramas, que son susceptíbeis de ser transcritos en caracteres románicos, na actualidade o máis frecuentemente en pinyin (como na maioría dos artigos da Wikipedia), mais tamén en bopomofo.

O mandarín (a miúdo chamado simplemente chinés) é a lingua máis falada do mundo (debido á elevada poboación da China). Porén, aínda cando hoxe é ensinado a todos os chineses, os máis vellos non falan todos o mandarín senón outras linguas chinesas, como o cantonés, ou distintas como o tibetano ou o mongol. O mandarín, que os dirixentes comunistas designaron como a lingua vehicular da súa nación enteira (de aí o termo pǔtōnghuà, «lingua común»), era primitivamente o idioma das comunidades chinesas do norte do país. Mesmo posuíndo unha antiga historia literaria, o mandarín non deriva da lingua clásica literaria e artificial (文言 wényán), abandonada en 1919, logo de ter sido utilizada como lingua escrita oficial e literariamente durante máis de dous mil anos; por contra, foi dunha lingua vernácula falada (白話 báihuà, «lingua simple») da que procede o mandarín. En 1956, foi a variante de Pequín a promovida ao rango de lingua oficial, sendo considerada a miúdo como a variante patrón deste idioma. O mandarín de Pequín posúe, porén, peculiaridades (como a utilización frecuente da retroflexión vocálica marcada por medio do sufixo -er) e dise tamén que os pequineses teñen un «acento». O mandarín dun taiwanés será, porén, moi pouco diferente do dun pequinés.

Fóra da China, hai importantes comunidades chinesas que comparten esta lingua, a cal é ensinada en numerosos colexios e universidades do mundo.

Como as outras linguas chinesas, é unha lingua de tons. Emprega catro tonemas, que cambian o sentido ou significado da palabra, alto e chan, ascendente, lixeiramente descendente logo ascendente (modulado) e descendente.

Os tons son representados na China por tiles sobre das vogais das sílabas da escrita romanizada dita pinyin e, en Taiwán, polas mesmas tiles sobre dos grafemas do bopomofo. Tamén se utiliza o número do ton no final da sílaba cando as dificultades técnicas (teclado etc) impiden colocar ou ler os tiles.