Lingua suahili

O suahili, tamén chamado swahili ou kiswahili, é unha lingua africana que pertence ao subgrupo sabaki das bantú. Dentro das bantú, é a que conta co número maior de falantes. É unha das linguas oficiais de Kenya, de Tanzania e de Uganda, aínda que os seus falantes nativos, os pobos Suahili, sexan orixinarios só das rexións costeiras. Tamén é unha das linguas de traballo da Unión Africana e da Southern African Development Community. Está recoñecida oficialmente como lingua franca da Comunidade de Estados Africanos. En 2018, Suráfrica regulou a ensinanza do suahili nas escolas surafricanas como materia optativa en 2020. Botswana seguiuna en 2020, e Namibia tamén o planeou.

Descoñécese o número de falantes de suahili, como primeira ou como segunda lingua. Existen distintas estimacións, que van dende os cincuenta aos cen millóns de persoas. Alén dos países que a teñen como lingua oficial, fálase na República Democrática do Congo, con algunha frecuencia nas áreas urbanas do Burundi e de Ruanda, no sur da Somalia ata ao norte de Mozambique (ao longo do litoral de África oriental), na Zambia e no sur da Etiopía. Existen tamén algunhas comunidades de falantes de suahili en Madagascar. O shikomor, lingua oficial nas Comores e tamén falada en Mayotte está moi emparentada co suahili. Con todo, a maior parte dos falantes de suahili non a usan como lingua materna. De feito, crese que só dous a tres millóns, dos cincuenta millóns están nesta situación, o que significa que a gran maioría fala como lingua materna outro idioma níxer-congolés (por exemplo, bantú) ou cuxítico (somalí, por exemplo).