Català ( Lingua catalá )

O catalán, coñecido como valenciano no País Valenciano e no Carche, é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural.

É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.