Lingua balinesa
O balinés é unha lingua malaio-polinesia falada por preto de 3,3 millóns de persoas (segundo datos de 2000) na illa indonesia de Balí, así como no norte de Nusa Penida, oeste de Lombok e leste de Xava. A maioría dos falantes de balinés tamén coñecen o indonesio.
No ano 2011, a Axencia Cultural de Balí estimou que o número de persoas que aínda empregan a lingua balinesa no seu día a día na illa de Balí non supera o millón, xa que nas áreas urbanas os pais ensínanlles ós fillos a lingua indonesia ou o inglés, mentres que nas institucións e nos medios de comunicación masivos desapareceu completamente. A forma escrita do balinés estase facendo cada vez menos familiar e a maioría dos balineses usan a súa lingua só como un medio de comunicación oral, a miúdo mesturado co indonesio. Nas zonas migratorias fóra da illa de Balí, o balinés emprégase de forma extensiva e xoga un papel importante na supervivencia da lingua.