Lenda do Galo de Barcelos

A lenda do Galo de Barcelos, narra a intervención milagrosa dun galo morto na proba da inocencia dun home acusado erradamente. Coñecida en Portugal como a "Lenda do Señor do Galo", ten varias versións e forma parte do repertorio medieval e xacobeo de lendas ou hagiografias de aforcados salvos polo milagre dun galo, neste caso con vencello ao Camiño Portugués a Santiago de Compostela. O relato é similar á lenda de Santo Domingo de la Calzada, sendo a de Barcelos unha versión serodia de case tres séculos da rexistrada no Códice Calixtino. O relato escrito máis antigo da versión portuguesa data de 1867, autoría de Domingos J. Pereira  

O suceso quedou representado nun cruceiro actualmente situado como espolio do Museo Arqueolóxico de Barcelos. Tamén nomeado Cruceiro do Señor do Galo, a súa data de fabricación é motivo de polémica, sendo recollido como do século XIV por algúns autores e para outros entre finais do XVII ou principios do XVIII. O monumento atopábase na veciña parroquia de Barceliños, no lugar da Forca Velha a carón dunha forca de pedra de cantería permanentemente levantada que serviu até o 26 de xaneiro de 1712.

Durante o Estado Novo esta lenda foi identificada coa tradición artesanal oleira dos galos de roda que polo menos dende a década de 1930 tiña lugar en Barcelos. Dende entón, ficou asociada incorrectamente como sustento folclórico ou mito destas pezas que o réxime de Antonio de Oliveira Salazar popularizou como símbolo turístico do Portugal.

Destinos