Kolmanskop (Afrikaans, alemán: Kolmannskuppe) é unha cidade pantasma no Deserto do Namib no sur de Namibia, a dez quilómetros no interior da cidade portuaria de Lüderitz. Leva o nome dun condutor de transporte chamado Johnny Coleman que, durante unha tormenta de area, abandonou o seu carro de bois nunha pequena inclinación fronte ao asentamento. Foi nunha época unha pequena pero moi rica vila mineira, agora é un destino turístico dirixido pola empresa conxunta Namibia - De Beers.
En 1908, o traballador Zacharias Lewala atopou un diamante mentres traballaba nesta área e mostrouno ao seu supervisor, o inspector ferroviario alemán August Stauch. Dado que a zona era rica en diamantes, os mineiros alemáns comezaron a asentarse e pouco despois o Imperio Alemán declarou unha gran área como Sperrgebiet, comezando a explotar o xacemento de diamantes.[1]
Impulsados pola enorme riqueza dos primeiros mineiros de diamantes, os residentes construíron a vila no estilo arquitectónico dunha cidade de Alemaña, con servizos e institucións que incluían un hospital, sala de festas, central eléctrica, escola, pista de birlos, teatro e pavillón de deportes, casino, fábrica de xeo e o primeiro equipamento de Raios X do hemisferio sur, así como o primeiro tranvía de África. Tiña un enlace ferroviario a Lüderitz. As radiografías non se facián por motivos médicos, senón para controlar que ninghún traballador se tragara un diamante para roubalo.
A cidade comezou a declinar despois da Segunda Guerra Mundial cando os diamantes comezaron a esgotarse lentamente. A principios dos anos 50, a zona estaba en declive. O descubrimento en 1928 dos depósitos máis ricos de diamantes nunca coñecidos, nas terrazas da praia a 270 km ao sur de Kolmanskop, preto do río Orange acelerou a desaparición da cidade. Moitos dos habitantes da cidade marcharon, cara ao sur, ao novo descubrimento, deixando as súas casas e posesións atrás. No novo xacemento de diamantes unicamente era necesario explorar as praias, fronte a unha explotación máis difícil en Kolmaskop. A cidade abandonouse en 1956. A forza xeolóxica do deserto provocou que a día de hoxe os turistas camiñen a través de casas enterradas na area. Kolmanskop é moi popular entre os fotógrafos polos seus escenarios nos que a area do deserto reclama esta cidade que unha vez foi próspera e no que o clima árido conserva a arquitectura eduardiana tradicional da zona. Debido á súa situación dentro da área restrinxida (Sperrgebiet) do deserto de Namib, os turistas necesitan un permiso para entrar na cidade.
↑ Schneider, G. (2008). Treasures of the Diamond Coast. Windhoek: MacMillan Education. ISBN 978-99916-0-968-3.
Engadir un novo comentario