Habsburg ( Habsburgo )
A casa de Habsburgo (en alemán Hapsburg), tamén chamada casa de Austria, e a súa familia sucesora en Austria, os Habsburgo-Lorena (Habsburg Lothringen), é unha das familias máis importantes da Historia de Europa, que gobernou sobre varios países. A familia tivo a súa orixe no século XII e o nome deriva de Habichtsburg, o castelo do falcón, a súa morada oficial, construído no 1020, na actual Suíza. En tempos actuais, o cabeza da dinastía foi o príncipe Otón de Habsburgo (1912-2011), e o xefe da casa, o seu fillo o arquiduque Carlos de Habsburgo-Lorena, desde 2007.
Os Habsburgo foron:
- Soberanos de Austria (como duques 1282-1453, arquiduques 1453-1804 e emperadores 1804-1918),
- Soberanos de Alemaña como reis de romanos e emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico (1273-1308 e 1440-1806),
- reis de Hungría (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),
- reis de Croacia (1437-1439, 1445-1457, 1526-1918),
- reis de Bohemia (1306-1307, 1437-1439, 1453-1457, 1526-1918),
- reis de España (1516-1700),
- reis de Portugal (1580-1640),
- reis de Galicia e Lodomeria (1772-1918),
- grandes príncipes de Transilvania (1690-1867),
- grandes duques de Toscana (1737-1801; 1814-1860).
Outras coroas controladas brevemente pola casa foron:
- rei de Sardeña (1713-1720),
- duque de Parma (1814-1847),
- duque de Módena (1814-1859),
- emperador de México (1864-1867).