Futbol Club Barcelona ( Fútbol Club Barcelona )

O Fútbol Club Barcelona (en catalán: Futbol Club Barcelona), coñecido popularmente como "Barça", é un club polideportivo catalán da cidade de Barcelona, fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce futbolistas afeccionados de Suíza, Cataluña e Gran Bretaña, comandados polo suízo Joan Gamper. O Barça non é unha sociedade anónima como son a maioría dos clubs deportivos profesionais, senón que a propiedade do club recae nos seus máis de 180.000 socios. Este número fai que o FC Barcelona sexa o segundo club con máis socios do mundo tralo SL Benfica portugués, seguido polo FC Bayern München alemán. Segundo a clasificación histórica da IFFHS, o FC Barcelona é o mellor equipo de fútbol do mundo dende 1991, ano no cal esta organización comezou a computación estatística de resultados. O lema do club é "El Barça és més que un club". Os seareiros do FC Barcelona son coñecidos co sobrenome de "culés".

Unha das principais características do FC Barcelona é o seu carácter polideportivo. Ademais da súa sección principal, a de fútbol, o club conta con outras catro seccións deportivas profesionais: as de baloncesto, balonmán, hóckey sobre patíns e fútbol sala. Entre as cinco seccións profesionais, o FC Barcelona suma máis de 400 títulos oficiais, entre os que se inclúen 34 Copas de Europa, 86 Ligas e 88 Copas de España. Trátase do único club polideportivo do continente que foi campión de Europa en 5 deportes distintos. Ademais destas cinco seccións profesionais, o club conta con outras 8 seccións afeccionadas noutras disciplinas deportivas, como hóckey sobre herba, atletismo, patinaxe, hóckey sobre xeo, voleibol, rugby, fútbol praia e baloncesto en cadeira de rodas.

O equipo de fútbol foi un dos fundadores da Liga española de fútbol en 1928, e actualmente aínda segue a ser un dos tres equipos que non perderon nunca a máxima categoría. Con 25 Ligas, 30 Copas do Rei, 12 Supercopas de España, 5 Copas de Europa, 4 Recopas de Europa, 3 Copas de Feiras, 2 Copas Latinas, 5 Supercopas de Europa e 3 Copas Mundiais de Clubs, o FC Barcelona está considerado un dos equipos de fútbol máis laureados do mundo. Dende agosto de 2011 é o club europeo con máis títulos continentais (15), adiantando ó Real Madrid e ó AC Milán (14). O FC Barcelona é ademais o único equipo de Europa que disputou sempre, dende 1955, algunha das competicións europeas. Tamén é o único equipo da historia que gañou os seis títulos oficiais máis importantes nun mesmo ano (2009): Liga, Copa, Supercopa de España, Liga de Campións, Supercopa de Europa e Copa Mundial de Clubs. O 6 de febreiro de 2012 o club recibiu o Premio Laureus World Sports como equipo mundial do ano.

Destinos