- Para a outra cidade chamada Frankfurt vexa Frankfurt do Oder.
Frankfurt (en alemán: Frankfurt am Main; para a distinguir de Frankfurt do Oder) é a cidade máis importante do Estado federado de Hessen (Alemaña), aínda que a capital administrativa é Wiesbaden.
Frankfurt forma o núcleo urbano da rexión Rin-Meno.
O nome vénlle dos tempos das tribos xermánicas. Significa o vado (Furt) dos francos (Frank-en), unha tribo xermánica occidental.
O Imperio Romano, na súa extensión máxima, chegou a incluí-la cidade, aínda que por pouco tempo. O emperador Carlomagno habitou varias veces nesta cidade. Durante o Sacro Imperio Romano Xermánico foi sede de moitas eleccións imperiais e entre 1562 e 1792 foi a cidade do coroamento do Emperador. Logo foi a capital da Confederación do Rin, e máis adiante a da Confederación Xermánica.
Prusia anexionou a cidade en 1866, cinco anos antes de gaña-la guerra franco-prusiana, cuxo tratado de paz, que desembocou na creación de Alemaña como país unido, foi asinado en Frankfurt o 10 de maio de 1871.
Ó igual que a maioría das cidades alemás, Frankfurt foi escachizada polos bombardeos dos aliados durante a Segunda Guerra Mundial.
A metrópole converteuse no centro da rexión Rin-Meno, unha das máis produtivas e dinámicas de Alemaña, que conta aproximadamente 5 millóns de habitantes, entre os que se destaca a maior proporción de estranxeiros do país.
Engadir un novo comentario