Folivora
A dos folívoros (Folivora) é unha suborde de mamíferos placentarios, unha das dúas en que se divide a orde dos pilosos, comunmente coñecidos na bibliografía internacional como preguiceiros ou preguizas.
Son animais neotropicais de variado tamaño (de 0,5 m a 1,7 m) endémicos das selvas húmidas de Centro e Suramérica, que se moven pendurados polas súas catro patas das pólas das árbores, e que no solo de desprazan con gran dificultade, aínda que nadan moi ben.
As especies actuais poden clasificarse en dous xéneros: os preguiceiros de tres dedos (Bradypus, da familia dos Bradypodidae) e os preguiceiros de dous dedos (Choloepus, da familia dos Megalonychidae), pero coñécense máis de 50 xéneros extintos.
O parecido dos preguiceiros cos primates arborícolas é só aparente, xa que non gardan ningunha relación próxima con estes, o cal é un bo exemplo de evolución converxente.
En realidade, están emparentados cos osos formigueiros e, máis lonxanamente, cos armadillos, aínda que non teñen armadura.