Benidorm é un concello da provincia de Alacant (Comunidade Valenciana), situado na costa mediterránea, ao sueste da Península Ibérica. Está a 40 km da capital da provincia, Alacant.
Segundo datos de 2005, tiña 67.492 habitantes, aínda que se calcula unha poboación aproximada de 100.000 habitantes durante a meirande parte do ano debido ó gran número de estranxeiros non censados[Cómpre referencia]. Benidorm é unha cidade eminentemente turística grazas o seu clima e temperaturas medias, que varían ó longo do ano entre os 12 °C no inverno e os 28 °C ós que se chega no verán.
O atractivo de Benidorm baséase nas súas tres praias con bandeira azul. Estas tres praias son: Llevant, Ponent e El Mal Pas. Benidorm é tamén coñecida por ter un animado e variado ambiente nocturno.
No termo municipal atópanse restos iberos e romanos. Parece ser que no momento da Reconquista había unha alquería árabe na Partida de Lliriets; de calquera xeito, a poboación sería de pouca importancia. O nome de Benidorm aparece por vez primeira no Llibre del Feyts de Xaime I de Aragón, que conquistou esta parte da provincia de Alacant no ano 1245. As terras de Benidorm, e a meirande parte do resto da bisbarra, foron outorgadas ó almirante Bernat de Sarriá. Este importante señor feudal pode considerarse o verdadeiro fundador da cidade, ó outorgar Carta Puebla a Benidorm o 8 de maio de 1325, creando o castelo e a vila. A función deste documento era marcar os límites do termo da nova poboación (que se separou así administrativamente da baronía de Polop), e tamén intentar atraer o estabelecemento exclusivo de familias cristiás. Estratexicamente, a orixe da vila debeuse ó medo imperante naquel tempo ó superior número de mouriscos existentes na zona, e as posibles alianzas destes cos seus irmáns de relixión no Reino de Granada e no norte de África.
En 1335 o señor territorial é o Infante Pedro de Aragón e de Anjou, seguido polo seu fillo Afonso de Aragón e de Foix. Posteriormente, Benidorm pasou a mans dos condes de Dénia, volveu á coroa, e finalmente vendeuse ó nobre Ruy Díaz de Mendoza, debido as dificultades financeiras do monarca con motivo de conflitos bélicos que lle obrigaron a desprenderse de moitos dos seus señoríos.
A poboación sufriu dous terribles ataques piratas berberiscos, o primeiro en 1410 e o segundo en 1448, que asolaron a vila e o castelo. En concreto, no ataque de 1448, os piratas leváronse escravizados a meirande parte dos habitantes de Benidorm, coa resultante despoboación
No século XVI ampliouse e reparouse o castelo, pero a vila urbana, que volvera a pertencer á baronía de Polop, atopábase case completamente despoboada.
A mellora das construcións defensivas e o establecemento, a partir de 1666, dunha canle que podía achegar auga desde o interior da bisbarra permitiron atraer novos poboadores ó lugar. En 1701, por iniciativa aristocrática, outorgouse unha nova Carta de poboación á vila, que volveu a ser municipalidade independente.
En 1715 Bendidorm contaba cuns 216 veciños, cifra que aumentou a 2700 a finais do século XVIII. Esta forte expansión demográfica púidose realizar grazas, esencialmente, a unha importante actividade pesqueira baseada na pesca con almadraba (pesca de atúns durante a súa viaxe de migración, mediante dun cerco de redes), na que os seus habitantes se especializaron.
Na guerra da Independencia española, as tropas napoleónicas profanaron o cemiterio e destruíron o castelo.
Durante o século XIX continuou o crecemento e comezaron tímidas aventuras turísticas como a inauguración do Balneario de la Virgen del Sufragio. Aínda que nos anos posteriores melloraron as comunicacións con Alacant e con Madrid, os demais sectores económicos non estaban pasando polo seu mellor momento, a mariña mercante entraba en crise pola perda das últimas colonias españolas de ultramar en 1898 (Cuba, Porto Rico e Filipinas) e pouco despois o "boom" da agricultura da vide (viño e uvas pasas) arruinouse coa chegada dun parasito da vide a comezos do século XX. Esta desaceleración económica foi unida a unha certa emigración a Cuba, ó barrio marítimo de Barcelona e á costa de Cádiz.
Durante estes anos, produciuse a ampliación do porto e, en 1925, a construción dos primeiros chalés na praia de Llevant. Trala Guerra civil española, pouco a pouco fóronse recuperando as actividades socioeconómicas, coa pesca como ramo produtivo máis destacado. Foi na década dos 50 cando se deron os primeiros pasos para producir unha verdadeira transformación: por unha banda, en 1952, pechouse por baixo rendemento nas capturas a almadraba máis importante, algo traumático para moitas familias. Ó mesmo tempo, en 1956, o Concello aprobaba o ordenamento urbanístico da vila para crear unha cidade concibida para o ocio turístico baseada en rúas ben trazadas e amplas avenidas seguindo a configuración das praias. A partir dese momento, produciuse un forte desprazamento das actividades tradicionais (pesca e agricultura) ó sector servizos orixinado polo turismo, que se converteu na base da prosperidade da cidade. O turismo español comezou a compartir o espazo cos visitantes doutras partes de Europa, primeiro chegados cos seus vehículos e máis adiante, coa apertura do aeroporto de L'Altet en 1967, cun importante número de estranxeiros chegados en voos charter. Actualmente, Benidorm é unha das primeiras cidades turísticas de toda a costa mediterránea.
Engadir un novo comentario