Bandeira do Nepal
A bandeira do Nepal (en nepalés: नेपालको झण्डा) é a única bandeira dun estado soberano que non ten forma cuadrangular (fóra de bandeiras de estados soberanos está tamén a do estado norteamericano de Ohio). A bandeira é unha combinación simplificada de dous pendóns sinxelos. A súa cor vermella escarlata é a cor dos rododendros, a flor nacional do país. O vermello é tamén o signo da vitoria na guerra. O azul representa á paz. Até 1962, nos emblemas da bandeira, o sol e a lúa crecente, había rostros humanos. Os rostros permaneceron no estandarte real até a abolición da monarquía en 2008.