孙子兵法 ( A arte da guerra )

A arte da guerra (chinés: 孫子兵法; chinés simplificado: 孙子兵法; pinyin: Sūnzi bīngfǎ, literalmente "Estratexia Militar do mestre Sun") é un antigo libro chinés que trata sobre tácticas e estratexias militares. É a obra do pensador chinés Sun Tzu (544 aC - 496 aC). Crese que foi compilado a finais do Período de Primavera e Outono ou a principios do Período dos Reinos Combatentes, presúmese pois, que foi escrito cara ó ano 500 antes da nosa era, representando así o tratado militar máis antigo que se coñece.

O texto componse de 13 capítulos, cada un dos cales está dedicado a un aspecto da guerra. Coñécese comunmente como a obra definitiva sobre estratexia militar e táctica do seu tempo. Foi o máis famoso e influente dos Sete Clásicos Militares da China, e: "Durante os últimos dous mil anos segue sendo o tratado militar máis importante en Asia, onde mesmo a xente do pobo o coñecía polo seu nome." Foi e segue sendo estudado por todos aqueles estrategas militares que dirixiron exércitos e aínda é a miúdo utilizado na actualidade debido ó feito que as súas ensinanzas poden ser aplicadas noutras moitas áreas máis aló dos conflitos armados.

O libro foi traducido por primeira vez ó francés en 1772 polo xesuíta Jean Joseph Marie Amiot e unha tradución parcial ó inglés foi tentada polo oficial británico Everard Ferguson Calthrop en 1905. A primeira tradución inglesa foi completada e publicada por Lionel Giles en 1910.

A obra foi publicada en galego no 2013 por Teófilo Edicións, con tradución de Xulio Ríos.